> For the complete documentation index, see [llms.txt](https://innersourcecommons.gitbook.io/managing-innersource-projects/llms.txt). Markdown versions of documentation pages are available by appending `.md` to page URLs; this page is available as [Markdown](https://innersourcecommons.gitbook.io/managing-innersource-projects/m-gl/introduction/framework.md).

# Marco de traballo

Ao adoptar os procesos e principios de InnerSource, as organizacións conseguen:

* Unha xestión eficaz dos recursos, cunha mellor reutilización do código e do coñecemento e unha mellor repartición dos custos entre as distintas unidades empresariais.
* Innovacións ou melloras tecnolóxicas máis rápidas, xa que o código se desenvolve de forma colaborativa e transparente por medio das contribucións recibidas das distintas áreas da empresa interesadas.
* Un equipo de traballo apoderado e máis comprometido, ao permitirlles formar parte da folla de ruta de desenvolvemento da compañía.
* Maior innovación interna, que lle permite ao persoal propor novas ideas baseadas na tecnoloxía e nos coñecementos da empresa.

Pero calquera proxecto, incluso os de software libre, necesitará un marco de traballo que poida axudar ao persoal a definir ou dar resposta aos seguintes aspectos:

* Políticas claras de contribución e para a xestión da meritocracia (ou factocracia).
* Ferramentas e canles de comunicación.
* Unha cultura comunitaria.
* Quen asume os gastos?
* Métricas e KPI.

Vexamos pois o *marco de traballo de InnerSource*.

## Gobernación

O dicionario define a gobernación como:

> O establecemento de políticas e a supervisión continua da súa correcta aplicación polos membros do órgano de goberno dunha organización. Inclúe os mecanismos necesarios para equilibrar os poderes dos membros (coa responsabilidade asociada) e o seu deber primordial de aumentar a prosperidade e viabilidade da organización.

Para o software libre, a gobernación descríbese no documento «modelo de gobernación» de OSSWatch[^1]:

> O modelo de gobernación describe os roles que poden asumir os/as participantes dun proxecto e o proceso de toma de decisións dentro del. Ademais, a gobernación describe as regras básicas para a participación no proxecto e os procesos para a comunicación e o intercambio entre o equipo e a comunidade.

Xeralmente, o modelo de gobernación é un documento escrito que contén:

* As metas do proxecto.
* A definición de infraestruturas de traballo, xestión e colaboración.
* A definición dos roles e responsabilidades.
* Os mecanismos de soporte na comunidade.
* A descrición das políticas do proceso de toma de decisións.
* A descrición das políticas do proceso de contribución.
* A descrición das políticas e mecanismos de seguimento.

## Infraestrutura técnica

Por infraestrutura referímonos ás ferramentas empregadas polo equipo de desenvolvemento no seu traballo diario en InnerSource. Con frecuencia, estas ferramentas inclúen:

* Sistemas de xestión de código fonte.
* Sistemas de seguimento de incidencias ou tarefas.
* Listaxes de correo e foros de «preguntas e respostas».
* Ferramentas de chat ou de mensaxería instantánea.
* Sistemas de integración continua.
* Sistemas de xestión de documentación e coñecemento (wikis).

## A colaboración como cambio cultural

Crear unha comunidade comprometida é un dos puntos chave para o éxito e a sostibilidade dos proxectos de software libre. O mesmo principio se aplica aos proxectos de InnerSource.

A xestión da comunidade é diferente á xestión tradicional de equipos de desenvolvemento, polo que os/as xestores/as de proxectos deben adaptar as súas habilidades ao novo escenario.

As comunidades de software libre son organizacións pouco xerarquizadas, nas que o liderado adoita ser máis importante que a estrutura de poder. As empresas que adoptan InnerSource necesitarán adaptar a súa estrutura organizativa na mesma dirección.

## Financiamento

Nun escenario InnerSource perfecto, e baseándonos na cita de David Pink, vostede debería pagar o suficiente ao seu persoal como «para que o diñeiro non fose un tema de conversación na mesa».

Pero non adoitamos vivir en mundos perfectos e hai varios escenarios nos que o financiamento será fundamental para os proxectos de InnerSource:

* Nos pagamentos en diferentes rexións xeográficas.
* Cando hai traballadores/as que combinan o traballo de proxectos InnerSource con outros que non o son.
* Nos custos compartidos entre diferentes unidades de negocio cun presuposto propio.
* Proxectos desenvolvidos por unha combinación de persoal da empresa e subcontratado.

De novo, o software libre proporciona algúns exemplos de como obter financiamento para os seus proxectos e organizacións como Linux Foundation, Apache Software Foundation etc.; as cales, se trasladamos os seus principios «fundacionais» ás nosas compañías, poderían servirnos de referencia.

## Medición de procesos

Por último, pero non menos importante, se falamos de xestión, a medición convértese nunha habilidade básica para nós. Máis aló de recompilar datos, os cargos superiores necesitan entender os obxectivos da organización e como empregar os datos recollidos para chegar a alcanzalos. Tamén cómpre coidar a forma de compartir eses datos cos equipos e o que queren conseguir.

> «Recompilar datos é só o primeiro paso cara á sabedoría, pero compartir datos é o primeiro paso cara á comunidade.». Henry Lewis Gates (profesor da Universidade de Harvard).

A medición aberta pode ser moi vantaxosa para a nosa comunidade InnerSource:

* Conciencia; que nos permite entender quen somos, que estamos a facer etc.
* Control da gobernación, posta en marcha das políticas de seguimento.
* Transparencia para xerar confianza externa, como para garantir a equidade na nosa comunidade InnerSource.

[^1]: <http://oss-watch.ac.uk/resources/governancemo>
