Obxectivos no uso das métricas

Este apartado pretende proporcionar unha estratexia de métricas InnerSource que axude a entender o camiño a seguir desde o inicio do proceso ata que este atinxa toda a organización.

É importante destacar que as mesmas métricas que poden ser de utilidade para algunhas organizacións poden non ser tan útiles en tódolos contextos. De igual xeito, os proxectos de software libre non teñen por que ser semellantes entre si en termos de gobernación, licenzas, infraestrutura ou fases do proceso, aínda se todos están a producir software libre ou a traballar en comunidade. Este manual xorde cun obxectivo similar, o de pormenorizar como sería o proxecto InnerSource ideal, tendo en conta que non hai dúas organizacións que utilicen o mesmo enfoque.

Por mor disto, é posible que as métricas útiles en certas situacións, como as das organizacións tecnolóxicas, non sempre sexan aplicables noutros escenarios como, por exemplo, os bancos. Isto débese a factores externos, pois incluso as regulacións legais poden variar dun país a outro.

Por último, no caso de InnerSource, o uso de métricas cumpre tres propósitos principais: comprobar o traballo en curso, liderar a mellora[^5] no proceso e avaliar aspectos motivacionais.

  • Comprobar o traballo en curso: permite identificar os puntos en desenvolvemento en tempo real. Se se coñece o estado do proxecto pódese saber tamén a velocidade coa que avanza un novo proceso en marcha. Isto non só favorece o paso de A a B, senón que permite probar distintos enfoques para un mesmo problema e realizar varias probas.

  • Liderar a mellora do proceso: InnerSource supón un punto de inflexión no seu funcionamento. Precísanse indicadores que determinen se a mellora do proceso funciona correctamente, tanto traballando dun xeito moi xerarquizado como moi pouco. E cando non da resultado emprégase outro enfoque ou aplícanse outras políticas.

  • Os aspectos motivacionais: InnerSource supón tamén un cambio cultural, algo que non se adoita considerar sequera noutras metodoloxías. De feito, este cambio cultural é a chave de InnerSource. Pois estas son as accións que axudan a migrar dunha forma de traballo tradicional a outra máis transparente e orientada á comunidade. A guía deste proceso poden ser as métricas. En primeiro lugar, para situar aos/ás desenvolvedores/as e mostrarlles como está a funcionar o proceso mais, tamén, para desfrutar no traballo e nas competicións, retos, hackatóns e outras actividades analizables que promoven organizacións máis orientadas á comunidade.

Last updated